Códigos de confianza

Creei este blogue no ano 2010 como medio para amosar as miñas manualidades, sen moitas pretensións pero cun montón ben grande de ilusión. Dende entón esa ilusión non fixo máis que medrar e, combinada con moitas ―moitísimas― horas de dedicación, conseguiu que un puñado de persoas paseen por aquí a miúdo buscando inspiración, proxectos feitos a man e unha boa ración de cousas bonitiñas.

As marcas sábeno e por iso queren darse a coñecer entre as lectors deste blogue. Deste xeito, teño a oportunidade de vos descubrir marcas e proxectos fermosos, conseguindo a cambio pequenas remuneracións que me axudan a mellorar o blogue. É un círculo!

Todos os posts que escribo fruto dunha colaboración están indentificados como tal ao final do texto con algunha destas clasificacións:


POST COLABORATIVO

Traballo cunha marca ou proxecto para crear algo xuntos. Non recibo diñeiro a cambio, pero si podo recibir produtos necesarios para levar a cabo a colaboración. Usualmente consiste en que preparo un titorial para unha tenda de material para manualidades e a cambio recibo algúns dos materiais que uso no titorial.


POST INCENTIVADO

Recibo produtos dunha marca, próboos e cóntovos a miña opinión sobre deles.


POST RETRIBUÍDO

Unha marca págame por falar dela e dos seus produtos. Outras veces simplemente inclúo ligazóns á súa páxina web nun post doutra temática.


POST CON LIGAZÓNS DE AFILIADO

Inclúo ligazóns a tendas en liña e recibo unha comisión cada vez que alguén merca produtos a través dunha desas ligazóns. O comprador paga o mesmo polo produto, nin máis nin menos.


O resto de posts, aínda que neles poda falar de marcas ou tendas, non encaixan con ningún destes códigos porque non son froito de ningunha colaboración. En calquera caso, quero deixar claro que en todos os posts que escribo, retribuídos ou non, dou a miña opinión sincera e libre, nunca influenciada polo que recibo a cambio dela. Neste tempo teño rexeitado moitas colaboracións por tratarse de produtos que non me gustaban, que non pensaba que vos puideran interesar ou que non encaixaban coa estética do blogue.