Quen son

Ola! Encántame que esteas aquí! Aínda que non podo ofrecerche un café, convídote a pasar, como se fose a miña casa.


SOBRE MIN

Chámome Tania e acabo de estrear os trinta. Son introvertida e moi creativa, polo que me encanta pasar tempo soa facendo todo tipo de manualidades.

Algunhas cousas que me inspiran un montón son os materiais de papelería, os días asollados e as películas. Tamén atopo inspiración nos paseos que dou pola Coruña, a cidade na que vivo. Encántame ir ao cine, cociñar postres, ler, asistir a clases de ballet, xogar xogos de mesa, intercambiar correspondencia con xente de todo o mundo, organizar viaxes ou calquera outra cousa, escribir e, por suposto, coser.

Nos últimos anos lancei un par de proxectos: Petite Blasa e Strabismic Bird. Do primeiro cóntoche a continuación. Do segundo adiántoche que está relacionado co correo postal e a papelería; búscao, se cadra interésache!


SOBRE A TENDA EN LIÑA

Como che dicía, a creatividade sempre formou parte de min. O verán de 2010 foi un dos máis aburridos da miña vida e non atopei outro xeito de remedialo que comezar coser. Tiña algúns sobrantes de feltro que empregara no entroido e uns cantos prendedores, e de alí naceron os primeiriños broches que fixen.

O paso seguinte foi abrir unha tenda en liña aloxada nun marketplace e deixar que os produtos que creaba se espallasen polo mundo para encher os corazóns da xente con cousas bonitas.

O meu estilo ten cambiado co paso dos anos, pero non deixa de ser divertido, colorido e infantil. Continúo a usar feltro, pero a tela foi gañando un recuncho importante nesta aventura. Como son autodidacta, o meu proceso de aprendizaxe é lento, pero sinto que mellorei moito dende aquel verán de 2010. Aínda hai milleiros de técnicas que quero aprender e iso é emocionante. A pesar de utilizar a miña máquina de coser para elaborar algúns produtos, o que realmente me gusta é coser a man. É moito máis laborioso, pero disfrútoo un montón!


SOBRE O BLOGUE

Tamén en 2010, creei un blog para amosar os meus produtos e compartir todo aquilo que me gusta. Os proxectos creativos, o cine, a literatura e as receitas doces son só algúns dos temas que trato. Se che gustan os blogues á vella usanza, nos que podes perderte navegando entre entrada e entrada, creo que podería gustarche. Está dispoñible só en castelán, espero que non che importe.